LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 4
Capítulo 4
PARTE APOCALÍPTICA
PRIMEIRA SECCIÓN:
LITURXIA INAUGURAL: O TRONO DE DEUS E DO AÑO
- 1Despois disto mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra coma unha trompeta, falando comigo, dicíame:
__Sube aquí que che vou amosar o que ten que acontecer despois disto.
- 2Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono.
- 3A aparencia do que estaba sentado era coma a pedra de xaspe e de sardónica e cunha aureola arredor do trono, semellante ao aspecto da esmeralda.
- 4Arredor do trono vin vinte e catro tronos e, sentados nos tronos, vinte e catro anciáns, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas.
- 5Do trono saían lóstregos, berros e trebóns. Sete fachos de lume ardían diante do trono, que son os sete espíritos de Deus.
- 6Había diante do trono coma un mar resplandecente, semellante ao cristal. E diante do trono e arredor do trono, catro animais, cheos de ollos por diante e por detrás.
- 7O primeiro animal, igual ca un león; o segundo, semellante a un xato; o terceiro, tiña a cara coma de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando.
- 8E cada un destes catro animais tiña seis ás, cheas de ollos en todo o arredor e por fóra. Non tiñan acougo nin de día nin de noite, proclamando:
__Santo, Santo, Santo,
Señor Deus, que todo o sostén,
o que era, o que é e o que está a vir.
- 9E cada vez que lle daban gloria, honra e grazas a quen está sentado no trono, que vive polos séculos dos séculos,
- 10os vinte e catro anciáns axeonllábanse ante o que está sentado no trono e adoraban o que vive polos séculos dos séculos e botaban diante do trono as súas coroas, dicindo ao mesmo tempo:
- 11__Merecente es, noso Señor e Deus,
de recibir gloria, honra e poder,
porque ti es quen o creaches todo:
pola túa vontade existe e foi creado.