LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 5
Capítulo 5
- 1E vin na dereita do que estaba sentado no trono un libro escrito por fóra e por dentro, pechado con sete selos.
- 2E vin un anxo forte, que clamaba con gran voz:
__Quen pode abrir o libro e desenlear os seus selos?
- 3E ninguén no ceo nin na terra nin debaixo da terra, daba aberto o libro nin lido nel.
- 4E eu choraba moito, porque non se atopaba ninguén digno de abrir o libro nin de ler nel.
- 5Pero díxome entón un dos anciáns:
__Non chores, velaí o león da raza de Xudá e cativo da raíz de David: venceu, e deste xeito pode abrir o libro e os seus sete selos.
- 6E vin no medio do trono e dos catro animais e diante dos anciáns, un Año en pé, coma se estivese degolado, con sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus, mandados a toda a terra.
- 7O Año achegouse ao trono e recibiu o libro da man dereita de quen está sentado no trono.
- 8Cando o colleu, os catro animais e os vinte e catro anciáns axeonlláronse diante do Año, con cadansúa cítara e con frascos de ouro cheos de perfumes, que son as oracións do pobo santo.
- 9E cantaban un canto novo:
__Ti es merecente de recibir o libro,
e de abrir os selos,
porque te degolaron e adquiriches
para Deus co teu sangue
xentes de toda raza, lingua, pobo e nación,
- 10e fixeches deles un reino de sacerdotes
para o noso Deus e reinarán na terra.
- 11E vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros.
- 12Proclamaban con forte voz:
__Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza,
a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición.
- 13E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
__Para quen está sentado no trono
e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos.
- 14E os catro animais dicían:
__Amén.
E os anciáns caeron en adoración.