LIBRO DA APOCALIPSE - Capítulo 9
Capítulo 9
A quinta trompeta ou o primeiro Ai!: os saltóns
- 1Logo tocou o quinto anxo e vin que unha estrela caía do ceo na terra. Déuselle a ela a chave do pozo do abismo;
- 2ela abriuno e subiu do pozo coma unha fumareda dun gran forno: escureceuse o sol e mais o aire por cousa da fumareda do pozo.
- 3Logo saíron da fumareda saltóns pola terra. Déuselles poder, coma o que teñen os alacráns da terra,
- 4e díxoselles que non danasen nin a herba dos campos nin verde ningún nin árbore ningunha senón unicamente os homes que non tivesen o selo de Deus na testa.
- 5Encargóuselles que non os matasen, senón que os atormentasen por cinco meses: o tormento deles era coma o tormento do alacrán, cando pica no home.
- 6Naqueles días os homes procurarán a morte e non a atoparán; desexarán morrer, pero a morte fuxirá deles.
- 7Os saltóns semellaban cabalos aparellados para a guerra: tiñan nas cabezas coma unhas coroas que parecían de ouro e as caras coma as caras dos homes;
- 8tiñan os cabelos coma cabelos de mulleres, e os dentes eran coma os dos leóns;
- 9tiñan unhas coirazas como coirazas de ferro e o zoar das súas ás era coma estrondo de carros e de moitos cabalos correndo para a guerra;
- 10tiñan rabos e aguillóns semellantes aos dos alacráns, e nos seus rabos tiñan o poder de danar os homes por cinco meses.
- 11Teñen un rei que os dirixe: o anxo do abismo, que en hebreo se chama Abaddón e en grego Apolión, o Estragador.
- 12O primeiro Ai! pasou, pero despois deste aínda virán outros dous Ais!
A sexta trompeta ou o segundo Ai!: a cabalaría mortífera do demo
- 13Logo tocou o sexto anxo, e oín unha voz, que viña dos cornos do altar de ouro, que está diante de Deus.
- 14Dicíalle ao sexto anxo, que tiña a trompeta:
__Solta os catro anxos que están presos onda o gran río, o Éufrates.
- 15E quedaron soltos os catro anxos, que estaban aparellados para mataren a terceira parte dos homes naquela hora, día, mes e ano.
- 16O número da tropa de cabalaría era de douscentos millóns: eu mesmo oín o número.
- 17E nesta visión os cabalos e os seus cabaleiros aparecían deste xeito: tiñan coirazas da cor do rescaldo, violáceo e marelo de xofre; as cabezas dos cabalos eran coma as cabezas dos leóns, e da boca saíalles lume, fumareda e xofre.
- 18Unha terceira parte dos homes quedaron mortos con estas tres pragas: co lume, coa fumareda e co xofre que saía da boca dos cabalos.
- 19Porque estes cabalos tiñan o poder na boca e no rabo, pois os rabos, semellantes a cobras, remataban en cabezas e con elas facían mal.
- 20Quedou un refugallo de homes, que nin con estas pragas morreron nin se arrepentiron do culto dos deuses falsos. Non deixaron de adorar os demos e as imaxes de ouro, de prata, de bronce, de pedra e de madeira, que nin poden ollar nin oír nin camiñar.
- 21Non se arrepentiron dos seus homicidios nin das bruxerías nin da prostitución nin dos roubos.