EVANXEO SEGUNDO XOÁN - Capítulo 3
Capítulo 3
Conversa de Xesús con Nicodemo
- 1Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus.
- 2Este veu onda el pola noite e díxolle:
__Rabbí!: sabemos que viñeches de Deus como mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.
- 3Respondeulle Xesús:
__Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ver o Reino de Deus.
- 4Replicoulle Nicodemo:
__Como pode un home nacer, sendo vello? Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?
- 5Respondeulle Xesús:
__Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no Reino de Deus.
- 6O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é espírito.
- 7Non che estrañe que eu che dixese: é necesario que vós nazades de novo.
- 8O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.
- 9Replicoulle Nicodemo:
__Como se pode facer isto?
- 10Respondeulle Xesús:
__Ti es mestre de Israel e non o sabes?
- 11Con toda verdade cho aseguro: falamos do que coñecemos e testemuñamos o que vimos, pero vós non aceptades o noso testemuño.
- 12Se dicíndovos cousas terreas, non credes, como iades crer dicíndovos cousas celestiais?
- 13E ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.
- 14Como Moisés alzou a serpe no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home,
- 15para que todo o que cre nel, teña vida eterna.
- 16Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
- 17Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.
- 18O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.
- 19Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns.
- 20Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras.
- 21Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.
Derradeiro testemuño de Bautista
- 22Despois disto, foi Xesús cos seus discípulos á terra de Xudea, e alí vivía con eles e bautizaba.
- 23Estaba tamén Xoán bautizando en Ainón, preto de Salén, porque había alí moita auga e viñan moitos a se bautizar
- 24(pois aínda non meteran a Xoán na cadea).
- 25Houbo entón unha porfía dos discípulos de Xoán cuns xudeus a propósito da purificación.
- 26Foron onda Xoán e dixéronlle:
__Rabbí!, fíxate, aquel que estaba contigo para alá do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todos van onda el.
- 27Xoán contestou:
__Ninguén pode recibir nada, se non lle vén dado do ceo.
- 28Vós mesmos sodes testemuñas de que eu dixen: “Eu non son o Cristo, senón que me mandaron diante del”.
- 29A esposa tena o esposo; con todo, o amigo do esposo –que está presente e o escoita– alégrase de todo corazón coa súa voz. Así é a miña alegría, que agora chega ao seu máximo.
- 30El debe medrar, e eu minguar.
Xesús completa as palabras de Xoán
- 31Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo, está por riba de todos;
- 32do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño.
- 33Quen acepta o seu testemuño, confirma que Deus é verdadeiro.
- 34Porque aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.
- 35O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans.
- 36Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ao Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa enriba del.