PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo e acción de grazas
- 1Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, así como o irmán Sóstenes,
- 2á Igrexa de Deus que está en Corinto, aos que están santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso,
- 3desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
- 4Non paro de lle dar grazas a Deus por vós, pola graza de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús.
- 5Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento:
- 6e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo,
- 7de xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardades a revelación do noso Señor Xesús Cristo.
- 8El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesús Cristo.
- 9Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu fillo Xesús Cristo, noso Señor.
CORRECCIÓNS POLA DIVISIÓN NA COMUNIDADE
Partidos na Igrexa de Corinto
- 10Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo, rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós: ao contrario, concordade todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
- 11Pois, irmáns, polos de Cloe cheguei a saber que hai discordias entre vós.
- 12Refírome a que cada un de vós anda a dicir: “Eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo”.
- 13Pero é que Cristo está dividido? E logo foi Paulo crucificado por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
- 14Dou grazas a Deus de non ter eu bautizado a ningún de vós fóra de Crispo e de Caio:
- 15así ninguén poderá dicir que vos bautizaron no meu nome.
- 16(Ai, si, tamén bauticei a familia do Estevo; pero do resto, que eu acorde non bauticei ninguén).
- 17Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.
A sabedoría do mundo e a sabedoría de Deus
- 18Porque a palabra da cruz é loucura para os que se perden, pero para nós, os que nos salvamos, é poder de Deus.
- 19Pois está escrito:
- Desmontarei a sabedoría dos sabios
-
e derrubarei a intelixencia dos intelixentes.
- 20Onde está o sabio?, onde o letrado?, onde está o investigador conforme os criterios deste mundo?
É que non mostrou Deus que a sabedoría do mundo é unha parvada?
- 21Mirade: Xa que o mundo, na sabia determinación de Deus, non coñeceu a Deus polo camiño da sabedoría, quixo Deus salvar o mundo pola necidade da predicación.
- 22Pois os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría;
- 23pero nós predicamos un mesías crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns é unha loucura;
- 24pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus.
- 25Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes, e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.
- 26E senón, irmáns, reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza:
- 27ao contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poder:
- 28o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é,
- 29de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus.
- 30Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus.
- 31E así, como está escrito, o que presuma, que presuma no Señor.