PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 10
Capítulo 10
O exemplo dos israelitas no deserto
- 1Porque eu non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar;
- 2que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés;
- 3que todos comeron o mesmo alimento espiritual
- 4__pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo__.
- 5Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
- 6Isto sucedeu como un exemplo para nós, co fin de que non teñamos degoiros do mal, como eles os tiveron.
- 7Nin vos fagades idólatras, o mesmo que algúns deles, como está escrito: Sentou o pobo a comer e a beber, e logo levantáronse para se divertiren.
- 8Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles, e nun día caeron vinte e tres mil.
- 9Nin tentemos o Señor, como algúns deles o tentaron e pereceron mordidos polas serpes.
- 10Nin murmuredes, coma algúns deles, que pereceron vítimas do exterminador.
- 11Isto sucedeulles a eles como exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento, para nós que vivimos na fin dos tempos.
- 12De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!
- 13E a vós non vos viñeron tentacións que superen as forzas humanas. Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela.
O banquete sagrado e os banquetes profanos
- 14Polo tanto, meus benqueridos, fuxide da idolatría.
- 15Fálovos como se lle fala á xente asisada: xulgade vós mesmos o que digo.
- 16A copa da bendición que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non é unha comuñón co corpo de Cristo?
- 17E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.
- 18Ollade para o Israel histórico: os que comen as vítimas, non están en comuñón co altar?
- 19Que quero dicir entón?: que a carne inmolada aos ídolos é algo? ou que é algo o ídolo?
- 20Ao contrario, digo que os sacrificios que ofrecen os pagáns honran os demos e non a Deus; e eu non quero que entredes en comuñón cos demos.
- 21Non podedes beber a copa do Señor e a copa dos demos. Non podedes participar na mesa do Señor e na mesa dos demos.
- 22Ou é que queremos desafiar o Señor? Ou somos nós máis fortes ca El?
Solucións prácticas
- 23“Todo está permitido”, pero non todo me presta; “todo está permitido”, pero non todo é construtivo.
- 24Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais.
- 25Comede todo o que se vende na cortadoría, sen preguntar cousa ningunha por motivos de conciencia,
- 26pois do Señor é a terra e todo o que a enche.
- 27Se algún infiel vos convida e queredes ir, comede todo o que vos poñan e non preguntedes nada por motivos de conciencia.
- 28Pero se un vos di: “Isto foi sacrificado aos ídolos”, daquela non comades. Por causa de quen vos avisou e pola conciencia.
- 29Non me refiro á vosa conciencia, senón á do outro.
–Pero, por que a miña liberdade vai ter de xuíz a conciencia doutro?
- 30E, se eu cando participo nunha comida llo agradezo a Deus, por que me teñen que criticar por algo que como dándolle as grazas?
- 31Mirade, tanto que comades como que bebades, como calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus.
- 32Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
- 33Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.