PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 11
Capítulo 11
- 1Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.
NORMAS PARA AS ASEMBLEAS LITÚRXICAS
A participación das mulleres
- 2Felicítovos por vos lembrar de min en todo, e por manterdes as tradicións tal como volas entreguei.
- 3Pero quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, que a cabeza da muller é o home, e que a cabeza de Cristo é Deus.
- 4Todo home que reza ou profetiza coa cabeza cuberta, deshonra a súa cabeza.
- 5E toda muller que reza ou profetiza coa cabeza descuberta, deshonra a súa cabeza, pois é talmente igual coma se estivese rapada.
- 6Logo, se unha muller non se cobre, que se rape. Pero, se é unha deshonra para a muller cortar o pelo ou raparse, que se cubra.
- 7O home non necesita, xa que logo, cubrir a cabeza, sendo como é a imaxe e reflexo de Deus. Mais a muller é o reflexo do home.
- 8Porque o home non procede da muller, senón a muller do home.
- 9Nin se creou o home para a muller, senón a muller para o home.
- 10Por iso debe a muller levar na cabeza un sinal de submisión, por mor dos anxos.
- 11(Aínda que polo demais, no Señor nin a muller existe sen o home nin existe o home sen a muller;
- 12pois do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller, e todo vén de Deus).
- 13Xulgade por vós mesmos: é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta?
- 14Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra para o home deixar medrar o pelo
- 15e que, pola contra, lle campa á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle como pano da cabeza.
- 16Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.
A Cea do Señor
- 17Ao facervos estas recomendacións, non podo aplaudir o feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben.
- 18O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo,
- 19pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.
- 20Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor,
- 21pois ao poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan.
- 22Seica non tedes casas para comer e para beber? Ou é que queredes desprezar a Igrexa de Deus e avergonzar os que non teñen? Que vos vou dicir? Vouvos felicitar? Non, nisto non vos felicito.
- 23Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan
- 24e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: “Isto é o meu corpo, que se entrega por vós. Facede isto en memoria miña”.
- 25Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa, dicindo: “Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue. Cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña”.
- 26Polo tanto, cada vez que comedes deste pan e bebedes desta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.
- 27De maneira que quen coma o pan ou beba da copa do Señor indignamente, terá que responder do corpo e do sangue do Señor.
- 28Examínese cadaquén a si mesmo antes de comer o pan e de beber da copa.
- 29Porque quen, sen recoñecer o corpo, come e bebe, come e bebe a súa propia condenación.
- 30Que por iso hai entre vós moitos achacosos e enfermos, e morren abondos.
- 31Se nos examinásemos ben, ninguén nos xulgaría.
- 32Aínda que, se nos xulga o Señor, é para educarnos, para que non nos condenemos co mundo.
- 33Pois logo, meus irmáns, cando vos xuntedes para comer, atendédevos uns a outros.
- 34Se algún ten fame, que coma na casa, de modo que non vos xuntedes para a condenación. O resto xa o arranxarei cando chegue.