PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 12
Capítulo 12
Os dons do espírito
- 1Acerca dos dons espirituais non quero, irmáns, que esteades na ignorancia.
- 2Ben sabedes que cando erades pagáns, sentiádesvos arrebatados á forza cara aos ídolos mudos.
- 3Por iso vos declaro que ninguén que diga “Renegado sexa Xesús”, fala movido polo Espírito de Deus; e que ninguén é capaz a dicir “Xesús é o Señor”, se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
Variedade e unidade dos dons
- 4Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito;
- 5hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor;
- 6e hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
- 7A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
- 8A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito;
- 9a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe.
- 10A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.
- 11Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular como a el lle parece.
A comparanza do corpo
- 12Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros, e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.
- 13Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres; e a todos se nos deu a beber un único Espírito.
- 14Pois ben, o corpo non está formado por un único membro, senón por moitos.
- 15Se o pé dixer: “Como non son man, eu non son do corpo”, non por iso deixaba de ser do corpo.
- 16E se o oído dixer: “Como eu non son ollo, non son do corpo”, non por iso deixaba de ser do corpo.
- 17Se todo o corpo for ollo, onde estaría o oído? E se for todo oído, onde estaría o ulido?
- 18Ora ben, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo.
- 19Se todo for un único membro, onde estaría o corpo?
- 20En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só.
- 21O ollo non lle pode dicir á man: “Non preciso de ti”. Nin a cabeza aos pés: “Non preciso de vós”.
- 22Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios;
- 23e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato,
- 24cousa que non precisan os honestos. Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del,
- 25para que non haxa discordia no corpo, senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros.
- 26E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
O corpo místico de Cristo
- 27Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.
- 28Na Igrexa dispuxo Deus: primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
- 29Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres?
- 30Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?
- 31De todos modos, cobizade os carismas mellores. Pero, ademais, aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia.