PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 13
Capítulo 13
Himno ao verdadeiro amor
- 1Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.
- 2Por moito que eu falase inspirado e comprendese todos os misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.
- 3Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.
- 4O amor é de corazón grande, é servizal. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece;
- 5non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia;
- 6non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade.
- 7Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.
- 8O amor non pasa endexamais, mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará.
- 9Porque a nosa ciencia é limitada, e limitada é a nosa inspiración,
- 10e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado.
- 11Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno.
- 12Igualmente, agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben como Deus me coñece a min.
- 13En resumo, hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza e o amor; pero delas a meirande é o amor.