PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 15
Capítulo 15
A RESURRECCIÓN DOS MORTOS
O feito da resurrección de Cristo
- 1Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes
- 2e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei. Do contrario, a vosa fe sería inútil).
- 3Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme as Escrituras;
- 4que o sepultaron, que ao terceiro día resucitou conforme as Escrituras
- 5e que lle apareceu a Cefas e despois aos Doce.
- 6Máis tarde apareceulle dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron.
- 7Despois apareceulle a Santiago e logo a todos os apóstolos.
- 8En derradeiro lugar apareceume tamén a min, como ao nacido a deshora.
- 9Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus;
- 10pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira. Ao contrario, traballei máis ca todos eles, aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo;
- 11pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.
A resurrección de Cristo: garantía da nosa resurrección
- 12Ora ben, se se predica que Cristo resucitou dos mortos, como é que andan algúns de entre vós dicindo que non hai resurrección dos mortos?
- 13Se non hai resurrección dos mortos, tampouco Cristo está resucitado.
- 14E, se Cristo non está resucitado, baleira é a nosa predicación, e baleira tamén a vosa fe.
- 15Resultaría, ademais, que nós acabamos sendo falsas testemuñas contra Deus, pois levantámoslle a Deus o testemuño de que resucitou a Cristo, sendo así que non o resucitou, caso de que efectivamente os mortos non resuciten.
- 16Pois, se os mortos non resucitan, tampouco Cristo está resucitado;
- 17e, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión: estades aínda nos vosos pecados.
- 18Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente.
- 19Ora que, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós somos os máis dignos de compaixón entre todos os homes.
- 20Pero non, Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que dormen.
- 21Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos;
- 22igual que todos morren por Adán, así tamén por Cristo todos han revivir.
- 23Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no día da súa vinda, os que sexan de Cristo;
- 24despois será a fin, cando lle entregue o reino a Deus Pai, unha vez destruído todo principado, toda potestade e toda dominación.
- 25Porque é necesario que El reine ata que poña todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés.
- 26A morte será o derradeiro inimigo destruído,
- 27pois todo o puxo por debaixo dos seus pés. Certo é que cando di que “todo está sometido”, é claro que con excepción daquel que lle someteu todas as cousas.
- 28E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo, para que Deus sexa todo en todo.
Confirmación da verdade da resurrección
- 29De non ser así, que conseguen os que se bautizan polos mortos? Se os mortos non resucitan en absoluto, por que entón se bautizan por eles?
- 30E nós mesmos, por que nos poñemos en perigo en toda hora?
- 31Tan certo, irmáns, coma o orgullo que por vós teño en Cristo o noso Señor, que estou todos os días ás portas da morte.
- 32Se loitei coas feras en Éfeso con miras simplemente humanas, de que me serve? Se os mortos non resucitan, comamos e bebamos, que mañá morreremos.
- 33Non vos deixedes enganar: malas compañías estragan bos costumes.
- 34Volvede en vós á realidade normal e non pequedes, porque algúns perderon o coñecemento de Deus. Para a vosa vergonza volo digo.
Como será a resurrección
- 35Pero algún preguntará: como resucitan os mortos? Con que clase de corpo volverán á vida?
- 36Insensato! O que ti sementas non prende na vida se primeiro non morre.
- 37Nin sementas xa o corpo que vai nacer, senón un simple gran de trigo, se cadra, ou de calquera outra semente.
- 38Deus é quen lle dá o corpo que lle parece: a cada semente o seu.
- 39Non todas as carnes son as mesmas: unha cousa é a carne dos homes, outra a dos animais, outra a dos paxaros, outra a dos peixes.
- 40Hai corpos celestes e corpos terrestres; pero o brillo dos celestes é distinto do brillo dos terrestres.
- 41Unha cousa é o brillo do sol e outra moi distinta o da lúa ou o das estrelas: mesmo entre estrela e estrela hai diferenza de brillo.
- 42O mesmo pasa tamén coa resurrección dos mortos: seméntase na corrupción, resucítase na incorrupción;
- 43seméntase no desprezo, resucítase na gloria; seméntase na debilidade, resucítase na forza;
- 44seméntase un corpo natural, resucita un corpo espiritual. Se hai un corpo natural, tamén hai un espiritual,
- 45pois así está escrito: o primeiro home, Adán, fixérono un ser vivo; o último Adán, un espírito que dá vida.
- 46Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual.
- 47O primeiro home, saído da terra, era terreal; o segundo home veu do ceo.
- 48Como era o terreal, así son os terreais; e como é o celestial, así son os celestiais.
- 49E o mesmo que antes levamos a imaxe do terreal, tamén levaremos a imaxe do celestial.
- 50O que vos digo, irmáns, é que a carne e o sangue non poden herdar o Reino de Deus; nin a corrupción herdará a incorrupción.
- 51Vouvos revelar un misterio: non todos imos morrer, pero todos nos imos transformar
- 52nun instante, nun pechar os ollos, ao toque da derradeira trompeta: pois soará a trompeta e os mortos resucitarán incorruptibles e nós apareceremos transformados.
- 53É necesario que isto corruptible se revista de incorrupción e que isto mortal se revista de inmortalidade.
- 54E cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita:
- a morte foi tragada pola vitoria.
- 55Morte, u-la túa vitoria?
Morte, u-lo teu aguillón?
- 56O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei.
- 57Pero deámoslle as grazas a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.
- 58Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos como cristiáns non son en balde.