PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 16
Capítulo 16
CONCLUSIÓN
Colecta para os cristiáns de Xerusalén
- 1En canto á colecta a prol dos irmáns, facede o mesmo que dispuxen para as igrexas da Galacia.
- 2Que o primeiro día da semana cada un de vós vaia xuntando na súa casa o que poida aforrar, para que non haxa que facer a colecta cando vaia eu.
- 3E, cando chegue, mandarei a quen vós elixades, con cartas, para levaren a vosa caridade a Xerusalén.
- 4No caso de que pague a pena que vaia tamén eu, irían comigo.
Proxectos de viaxe
- 5Irei onda vós, cando atravese Macedonia, pois pola Macedonia teño que cruzar.
- 6Pero convosco quizais me deteña e, se cadra, aínda paso o inverno, co fin de que vós me preparedes a viaxe para onde vaia.
- 7Porque esta vez non quero vervos só de paso, espero quedar algún tempo convosco, se o Señor o permite.
- 8Deica Pentecoste permanecerei en Éfeso,
- 9pois ábreseme alí unha porta grande e prometedora e son moitos os adversarios.
Recomendacións e noticias
- 10Se chega por aí Timoteo, mirade que non se sinta acovardado entre vós, pois traballa coma min na obra do Señor.
- 11Que ninguén mo desprece. Arranxádelle a viaxe para que veña en paz onda min, porque estou á espera del cos irmáns.
- 12En canto ao irmán Apolo, teimei moito nel para que fose onda vós cos irmáns; pero agora non quixo ir de maneira ningunha: irá cando se lle presente unha boa ocasión.
- 13Vixiade, afincádevos na fe, sede homes, sede rexos.
- 14Que todo o que fagades sexa con amor.
- 15Unha recomendación, irmáns: ben sabedes que a casa de Estevo é a primicia da Acaia, e que todos eles se puxeron ao servizo dos irmáns.
- 16Poñédevos tamén vós á súa disposición e á de todo o que colabore e traballe con eles.
- 17Estou moi alegre coa visita de Estevo, de Fortunato e de Acaico, pois eles enchéronme a vosa ausencia,
- 18tranquilizaron o meu espírito e mais o voso. Apreciade, logo, os homes coma eles.
Saúdos e despedida
- 19Mándanvos recordos as igrexas de Asia. Mándanvos un caloroso saúdo cristián Áquila e Prisca e mais a asemblea que se xunta na casa deles.
- 20Saúdanvos todos os irmáns. Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico.
- 21Este saúdo é da miña propia man, Paulo.
- 22Se algún non ama o Señor, botádeo fóra. Marana ta.
- 23A graza do Señor Xesús sexa convosco.
- 24O meu amor está con todos vós en Cristo Xesús.