PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 2
Capítulo 2
A predicación de Paulo
- 1En canto a min, irmáns, cando cheguei onda vós non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus.
- 2Nada pretendín saber entre vós, fóra de Xesús Cristo e Cristo crucificado.
- 3E eu presenteime diante vosa cunha sensación de impotencia e tremendo de medo;
- 4e a miña palabra e mais a miña predicación non se sustentaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito:
- 5todo para que a vosa fe non se sosteña na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.
A sabedoría cristiá
- 6E, mesmo así, o que predicamos entre os perfectos é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo.
- 7Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria.
- 8Ningún dos príncipes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria.
- 9Pero como está escrito:
- O que o ollo non viu,
- o que o oído non sentiu,
- e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
- 10E a nós revelóunolo Deus polo Espírito, pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus,
- 11porque quen de entre os homes coñece o que hai no home, se non é o espírito do home que está nel? Pois igual, o que hai en Deus ninguén o coñece, se non é o Espírito de Deus.
- 12Agora ben, nós non recibimos o espírito do mundo, senón o espírito que procede de Deus, co fin de que coñezamos todo o que Deus nos outorgou pola súa graza.
- 13E iso é o que tamén predicamos, non con palabras aprendidas de humana sabedoría, senón con palabras aprendidas do Espírito, explicando con verbas espirituais as realidades espirituais.
- 14O home “animal” non acolle o que é propio do espírito de Deus, pois parécelle unha parvada, nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente.
- 15Pola contra, o home “espiritual” xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén.
- 16Porque, quen coñeceu o pensamento do Señor como para se poñer a darlle leccións? Pero nós temos o sentir de Cristo.