PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 3
Capítulo 3
Inmaturidade dos corintios
- 1E eu, irmáns, non puiden falarvos como a homes “espirituais”, senón como a homes aínda “non espirituais”, como a meniños en Cristo.
- 2Alimenteivos con leite, non co alimento sólido, porque aínda non o podiades pasar. Claro que aínda agora non o pasades,
- 3porque aínda sodes “carnais”. Ou non é certo que sodes “carnais” e que vos portades dun xeito simplemente humano se entre vós hai rivalidade e discordia?
- 4Mentres un diga: “Eu son de Paulo”, e outro diga: “Eu son de Apolo”, non sodes coma todos?
O verdadeiro papel dos predicadores
- 5Pois, que é Apolo?, que é Paulo?: meros servidores por medio de quen aceptastes a fe; e cada un obrou conforme o que o Señor lle deu.
- 6Eu plantei, Apolo regou, pero foi Deus quen vos deu o medro,
- 7de maneira que nin o que planta nin o que rega son ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar.
- 8Quen planta e rega veñen facer o mesmo, pero cadaquén levará a súa paga conforme o seu traballo.
- 9Porque nós somos xornaleiros de Deus, e vós sodes o agro de Deus, edificio de Deus.
- 10Na medida da graza que Deus deu, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces e outro edificou enriba. Que cadaquén olle como edifica,
- 11pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo.
- 12E sobre esta cimentación xa se pode edificar con ouro, con prata e con pedras preciosas ou con madeira, con feo e con palla,
- 13e a obra que cadaquén faga ha quedar ben á vista, porque o día fará que se vexa. Pois ese día hase revelar con lume, e o lume probará a calidade da obra de cadaquén.
- 14A obra que se lle aguante a quen a edificou recibirá recompensa;
- 15pero a quen lle quede ardida, quedará sen paga: el persoalmente hase salvar, pero só coma quen dá fuxido do lume.
- 16Non sabedes que sodes templo de Deus e que o espírito de Deus habita en vós?
- 17Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el: porque o templo de Deus é sagrado, e iso sodes vós.
Consecuencias
- 18Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ao xeito deste mundo, decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade.
- 19Porque a sabedoría deste mundo é parvada diante de Deus, pois está escrito:
- El pilla os listos na súa propia astucia,
- 20e tamén:
- O Señor coñece os pensamentos dos sabios
- e sabe que son vans.
- 21Así que ninguén se glorie pola súa condición humana, porque todo é voso certamente:
- 22tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, tanto o presente coma o futuro: todo é voso;
- 23pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.