PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 4
Capítulo 4
Os ministros de Cristo
- 1Por tanto, que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus.
- 2Ora ben, o que se lles pide aos administradores é que sexan de fiar.
- 3Por min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan sequera eu me xulgo a min mesmo.
- 4Certo que de nada me remorde a conciencia, pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor.
- 5Polo tanto, non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón quen o mereza recibirá do Señor o seu eloxio.
- 6En todo isto, irmáns, púxenme de exemplo eu e puxen a Apolo por causa vosa, para que nas nosas persoas aprendades aquilo de que non hai que ir máis alá do que está escrito, e non vos fagades fanáticos dun en contra do outro.
- 7Porque, quen te fai máis distinguido? Que tes ti que non o recibises? E se o recibiches, a que vén gabarse como se non o recibises?
- 8Xa estades fartos, xa estades ricos: sen nós estades feitos uns reis! Quen me dera que fose certo! Así podiamos nós reinar convosco.
- 9Paréceme a min que a nós, aos apóstolos, púxonos Deus no derradeiro lugar, coma os condenados á morte, de xeito que resultamos ser un espectáculo para o mundo: tanto para os anxos coma para os homes.
- 10Nós somos parvos por Cristo, vós que cristiáns máis asisados! Nós somos débiles, vós fortes; a vós hónranvos, a nós desprézannos.
- 11Mesmo na hora presente pasamos fame e sede, e andamos esfarrapados; recibimos malos tratos e non temos acougo.
- 12Matámonos a traballar coas nosas propias mans. Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos;
- 13calúmniannos e nós falamos ben. Ata o presente vimos sendo algo así coma o refugallo do mundo, o lixo de todos.
- 14Non escribo isto para vos avergonzar: fágovos a reprensión como a fillos moi queridos.
- 15Como cristiáns xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes moitos, pois fun eu quen por medio do Evanxeo vos xerei en Cristo Xesús.
- 16Así que vos pido por favor que tratedes de me imitar a min.
- 17Para iso vos mando aí a Timoteo, que é fillo meu moi querido e fiel no Señor. El havos facer o acordo dos meus principios cristiáns, que son os mesmos que decote ensino en todas as igrexas.
- 18Pensando que eu non ía ir onda vós, algúns enchéronse de soberbia.
- 19Pero, se o Señor o quere, axiña chegarei aí e hei ter en conta non as palabras deses soberbios, senón a súa capacidade.
- 20Porque o Reino de Deus non está no que se di, senón no que se é capaz de facer.
- 21Que queredes?: que vaia onda vós cunha vara, ou con cariño e espírito de mansedume?