PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 5
Capítulo 5
ESCÁNDALOS NA COMUNIDADE
O incestuoso
- 1Non se oe falar doutra cousa que da indecencia que hai entre vós; e dunha indecencia tal, que nin entre os pagáns se viu cousa coma ela. Pois chega a darse o caso de que un vive coa muller de seu pai.
- 2E vós tan fachendosos, en lugar de poñervos de loito, para que desapareza do medio de vós quen tal cousa fai!
- 3Pois eu, fisicamente ausente pero presente en espírito, xa tomei unha decisión sobre o que tal fixo, como se estivese aí:
- 4que xuntándonos no nome do noso Señor Xesús __vós en persoa e eu en espírito__, co poder do noso Señor Xesús,
- 5entreguemos a ese tal a Satanás: humanamente quedará esnaquizado, pero o seu “espírito” salvarase o Día do Señor.
- 6Non está ben a vosa fachenda. Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda?
- 7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
- 8Fagamos, logo, a festa, pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.
- 9Escribinvos na outra carta que non vos levarades cos indecentes;
- 10pero non me refería aos indecentes deste mundo, así sen máis, nin aos avaros ou aos ladróns ou aos idólatras, porque dese xeito tiñades que saír do mundo.
- 11O que entón vos escribía foi que non vos levarades con aquel que ostentando o nome de irmán, sexa indecente ou avaro, ou idólatra ou faltón, ou borracho ou ladrón. Cun home así, nin sentar a comer.
- 12Por que vou xulgar eu os de fóra? Non son os de dentro a quen vós xulgades?
- 13Os de fóra é Deus quen os xulga. Botádeme o perverso do medio de vós.