PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 6
Capítulo 6
Preitos dos cristiáns nos tribunais pagáns
- 1Cando algún de vós ten un preito con outro, como é que se atreve a ilo demandar diante dos pagáns e non dos cristiáns?
- 2Ou é que non sabedes que os cristiáns xulgarán o mundo? E, se vós ides xulgar o mundo, seredes incompetentes para xulgar unhas cousas de nada?
- 3Non sabedes que xulgaremos os anxos? Canto máis as cousas desta vida!
- 4Pois logo, como é posible que, cando tedes preitos por cousas desta vida, vaiades poñer de xuíces aqueles que a Igrexa desbota?
- 5Seica non tedes vergonza? Ou é que non hai entre vós ningún home bo que poida mediar entre seus irmáns?
- 6Pero non, van ao preito irmán contra irmán, e iso diante dos non crentes.
- 7Desde logo, xa bastante baixeza é que haxa preitos entre vós. Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? Por que non vos deixades, máis ben, roubar?
- 8Pero non, sodes vós os que facedes inxustiza e roubades aos outros, iso que son irmáns!
- 9Non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos levedes a engano: nin os indecentes, nin os idólatras, nin os adúlteros, nin os efeminados, nin os homosexuais,
- 10nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns nin os caciques herdarán o Reino de Deus.
- 11E iso erades algúns de vós; pero xa vos lavastes, xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no espírito do noso Deus.
A pureza cristiá
- 12“Todo me está permitido”, pero non todo me presta; “todo me está permitido”, pero eu non me deixarei dominar por nada.
- 13Os alimentos son para o ventre e o ventre para os alimentos; ademais o Señor destruirá unha cousa e mais a outra.
Pero o corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo.
- 14E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.
- 15Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E vou coller os membros de Cristo e convertelos en membros dunha prostituta? De ningunha maneira!
- 16Ou non sabedes que quen se achegue á prostituta se fai un mesmo corpo con ela? Porque está dito: faranse os dous unha soa carne.
- 17Pola contra, quen se xunta ao Señor, é un mesmo espírito con El.
- 18Fuxide da fornicación! Calquera pecado que o home poida cometer cae fóra do corpo; pero quen fornica peca contra o seu propio corpo.
- 19Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?
- 20Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo!