PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 7
Capítulo 7
RESPOSTAS ÁS CONSULTAS DOS CORINTIOS. MATRIMONIO E VIRXINDADE
O matrimonio: dereitos e deberes
- 1E agora falemos do que me escribistes.
Ben lle está ao home non tocar muller;
- 2pero, para evitar a fornicación, que cada home teña a súa muller, e que cada muller teña o seu home.
- 3Que o home cumpra coa súa muller, e o mesmo a muller co seu home.
- 4A muller non é a dona do seu corpo, éo o home; e do mesmo xeito, o home non é o dono do seu corpo, éo a muller.
- 5Non vos privedes un ao outro, a non ser de común acordo por algún tempo, co fin de terdes vagar para a oración; e de novo estar unidos no mesmo, para que non vos tente Satanás por culpa da vosa incontinencia.
- 6Isto que vos digo é unha concesión, non un precepto.
- 7Eu ben quixera que todos os homes fosen coma min; pero cada un recibe de Deus a súa graza particular: uns dun xeito, outros doutro.
- 8Aos solteiros e ás viúvas dígolles que lles era ben quedaren coma min;
- 9pero, se non aguantan, que casen, que máis vale casar que abrasarse.
- 10Aos casados dígolles, non eu senón o Señor, que a muller non se separe do seu home.
- 11En caso de que chegue a separarse, ou que siga sen casar ou que se poña a ben co home. E que o home non repudie a súa muller.
- 12Aos outros dígolles eu, non o Señor, que se un irmán ten unha muller que non cre, pero que consente en vivir con el, que non a deixe.
- 13E se unha muller ten un home que non cre, pero que consente en vivir con ela, que non o deixe.
- 14Pois o home que non cre queda santificado pola súa muller; e a muller que non cre queda santificada polo marido crente. Se non for así, os vosos fillos serían impuros, cando a verdade é que son santos.
- 15Pero, se o non crente se quere separar, que se separe. En tal caso o irmán ou a irmá non quedan escravizados: Deus chamouvos para vivirdes en paz.
- 16Pois que sabes ti, muller, se vas salvar ese home? Ou que sabes, ti, home, se vas salvar esa muller?
- 17Fóra disto, que cadaquén viva conforme o Señor lle asignou, no estado en que Deus o chamou. Tal é o que dispoño en todas as igrexas.
- 18Que a chamada o colleu circuncidado? Non o disimule! Que a chamada o colleu incircunciso? Non se circuncide!
- 19Nada vale a circuncisión, nada vale a incircuncisión: o que vale é cumprir os mandamentos.
- 20Que cadaquén siga no estado en que o chamaron.
- 21Que te chamaron sendo escravo? Non teñas pena! E, aínda que puideses facerte libre, mellor aproveita a túa condición.
- 22Porque aquel a quen sendo escravo chamou o Señor, é liberto do Señor. Igualmente, aquel a quen chamou sendo libre, é escravo de Cristo.
- 23Mercáronvos a bo prezo: non vos fagades escravos dos homes.
- 24Irmáns, que cadaquén siga ante Deus no estado en que o chamaron.
Os non casados e os viúvos
- 25Polo que toca aos non casados, non teño orde do Señor, pero dou un parecer como persoa que, pola misericordia de Deus, é digna de creto.
- 26Coido eu que, por culpa da calamidade presente, é ben que cadaquén quede como está.
- 27Que estás ligado a unha muller? Non teimes por librarte. Que non estás ligado a muller? Non busques muller.
- 28Non obstante, aínda que cases, non pecas; e, aínda que case unha moza, tampouco peca. Pero os que casen terán tribulacións na carne, e eu quixer librarvos delas.
- 29O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen;
- 30os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres, coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada;
- 31os que gozan no mundo, coma se non gozasen: porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
- 32Eu quixer vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar;
- 33pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller;
- 34e así está repartido. A muller non casada, o mesmo ca a rapaza solteira, preocúpase das cousas do Señor, procurando ser santa de corpo e alma. Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
- 35Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo: ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.
- 36Pero se alguén se encontra en dificultade respecto da súa noiva, porque está moi apaixonado e xa non pode aguantar, que faga o que queira: non peca, que casen.
- 37Pola contra, quen está firme no seu corazón e non sente unha compulsión irresistible, senón que permanece dono da súa vontade, se decidiu no seu interior respectar a súa noiva, fai moi ben;
- 38de maneira que quen casa coa súa noiva obra ben e o que non casa obrará aínda mellor.
- 39A muller está ligada ao seu home mentres el viva. Pero, se o home morre, queda libre para casar con quen ela queira, sempre que sexa cun cristián.
- 40Non obstante, será máis feliz se se deixa estar así. Ese é o meu sentir e paréceme que tamén eu teño o espírito de Deus.