PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 8
Capítulo 8
AS CARNES SACRIFICADAS AOS ÍDOLOS
Os principios teóricos
- 1No que toca ás carnes inmoladas aos ídolos, é ben sabido que todos temos coñecemento. Pero o coñecemento ensoberbece, mentres que o amor edifica.
- 2Se alguén cre que xa coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer.
- 3En troques, se alguén ama a Deus, Deus coñéceo a el.
- 4Así que verbo de comer as carnes sacrificadas aos ídolos, sabemos que ningún ídolo existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do único.
- 5Porque, aínda que haxa moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra __e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores__,
- 6para nós non hai máis ca un só deus, o Pai, de quen todo procede e para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só señor, Xesús Cristo, por quen todo existe e por quen existimos nós mesmos.
O punto de vista da caridade
- 7Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada: entón, a súa conciencia, por non estar segura, quédalles lixada.
- 8Desde logo, non é a comida o que nos achega a Deus: non imos ser menos por non comer, nin por comer imos ser máis.
- 9Pero tede coidado de que esa liberdade vosa non sexa tropezo para os débiles:
- 10porque, se alguén te ve a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo idolátrico, non é certo que a quen non está aínda seguro o vai tentar a conciencia a comer o sacrificado aos ídolos?
- 11Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo.
- 12Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa feble conciencia, pecades contra Cristo.
- 13Por iso, se unha comida escandaliza un irmán meu, endexamais probarei a carne, para non escandalizar o meu irmán.