PRIMEIRA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 9
Capítulo 9
O exemplo de Paulo
- 1Non son eu libre? Non son apóstolo? Logo non vin a Xesús, o noso Señor? Non sodes vós a miña obra no Señor?
- 2Se para outros non son eu apóstolo, para vós si que o son, pois vós sodes, no Señor, o selo do meu apostolado.
- 3Esta é a miña defensa contra os que me demandan:
- 4Acaso non temos dereito a comer e beber?
- 5Non temos dereito a levar connosco unha muller irmá, o mesmo ca os demais apóstolos e os irmáns do Señor e Pedro?
- 6Ou é que soamente eu e mais Bernabé carecemos do dereito de non traballar?
- 7Quen foi algún día á guerra gastando do seu? Quen planta unha viña e non come o seu froito? Quen coida un rabaño e non se alimenta do seu leite?
- 8Ou estou falando con criterios humanos? Non di tamén a lei iso mesmo?
- 9Pois é precisamente na Lei de Moisés onde está escrito: Non lle poñas o bozo ao boi que malla. Impórtanlle acaso os bois a Deus?
- 10Ou non está ben claro que o di por nós? Sen dúbida está escrito por nós, pois quen labra precisa labrar con esperanza e tamén o que malla, coa esperanza de levar a súa parte.
- 11Se nós sementamos en vós os bens espirituais, é moito que fagamos colleita nos vosos bens materiais?
- 12Se outros teñen tal dereito sobre vós, non temos nós máis? Pero nós nunca nos aproveitamos dese dereito, ao contrario, aturamos todo, para non lle poñer ningún tropezo ao Evanxeo de Cristo.
- 13Non sabedes que os que celebran o culto viven do templo, e que os que serven no altar teñen parte nel?
- 14Do mesmo xeito, o Señor prescribiulles aos que anuncian o Evanxeo que vivan do Evanxeo.
- 15Pero eu non me aproveitei de nada diso, nin escribo estas cousas para aproveitarme agora: mellor morrer que... Non, a miña gloria ninguén ma tirará.
- 16Porque o mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
- 17Pois así, se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar.
- 18Onde está, logo, o meu premio? En que, cando predico o Evanxeo, o fago gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
- 19Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para ganar os máis posibles.
- 20Fíxenme xudeu cos xudeus, para ganar os xudeus; suxeito a lei cos que están baixo a lei __eu, que non o estou__, para ganar os que están baixo a lei.
- 21Cos que están sen a lei, fíxenme como sen lei __non estando eu sen a Lei de Deus, tendo como teño a Lei de Cristo__, para ganar os sen lei.
- 22Cos débiles fíxenme débil, para ganar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns por riba de todo.
- 23Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.
- 24Non sabedes que os corredores no estadio corren todos pero soamente un leva o premio? Correde, logo, de maneira que levedes premio.
- 25Todos os que compiten impóñense unha disciplina total: iso que eles é para conseguiren unha coroa perecedoira; nós, en cambio, unha imperecedoira.
- 26Eu, pola miña parte, corro, pero non ao que saia; loito, pero non dando golpes ao aire.
- 27Pola contra, castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo. Non vaia suceder que, despois de lles predicar aos outros, quede eu descualificado.