CARTA AOS FILIPENSES - Capítulo 2
Capítulo 2
Harmonía na unidade
- 1Así que, se vale de algo o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai sentimentos en vós de agarimo e misericordia,
- 2facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
- 3Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
- 4Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten aos outros.
O exemplo de Cristo
- 5Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús.
- 6El, con ser de condición divina,
non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;
- 7senón que se espiu do seu rango,
asumiu a condición de escravo,
fíxose un home normal e presentouse como tal;
- 8abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte,
e a morte na cruz!
- 9Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un título que está por riba de calquera título:
- 10de xeito que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
- 11e toda lingua proclame
para gloria de Deus Pai
que Xesús Cristo é o Señor.
Traballar pola salvación
- 12De maneira que, meus amigos, igual que sempre me fixestes caso, traballade con temor e tremor pola vosa salvación non só na miña presenza, senón moito máis agora na miña ausencia.
- 13Deus efectivamente é quen activa en vós tanto o querer coma o facer, conforme o seu bondadoso designio.
- 14Facede todas as cousas sen rosmar nin discutir,
- 15para serdes sen chata e sinxelos, “fillos de Deus sen mancha no medio dunha xente raposeira e atravesada”, onde vós relucides como fachos no universo,
- 16presentando a palabra da vida. Dese xeito o día de Cristo eu voume poder gabar de que nin corrín ás toas nin me cansei en balde.
- 17Mais, aínda que verta o meu sangue como libación nun sacrificio ao servizo da vosa fe, estou alegre e asóciome á vosa alegría.
- 18Pois vós, o mesmo: estádeme alegres e unídevos á miña alegría.
Timoteo
- 19Coa axuda do Señor Xesús espérovos mandar axiña a Timoteo, para me animar eu tamén recibindo noticias vosas;
- 20que non teño ninguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas,
- 21pois todos andan á súa comenencia, non á de Xesús Cristo.
- 22En cambio el, xa sabemos ben como é: que se puxo comigo ao servizo do Evanxeo, coma un fillo co seu pai.
- 23Así que, nada máis ver eu claramente que é o que vai ser de min, vóuvolo mandar.
- 24Mesmo así, espero no Señor ir eu tamén axiña.
Epafrodito
- 25Por outra parte, coidei que cumpría mandarvos de volta a Epafrodito, irmán, colaborador e camarada meu, que vós me mandastes para atenderme na miña necesidade.
- 26El tiña morriña de todos vós e andaba amolado porque chegastes a saber da súa doenza,
- 27pois enfermou e mesmo houbo de morrer. Pero Deus tivo dó del. Vaia, non só del, senón de min tamén, para que non me viñese unha desgraza enriba da outra.
- 28Así que volo mando ben axiña, para que, ao velo, volvades estar alegres e eu me sinta máis acougado.
- 29Recibídeo, logo, no Señor con toda alegría e estimade a homes coma el,
- 30que estivo a piques de morrer pola causa de Cristo, arriscando a súa vida para me prestar na vosa ausencia os servizos que vós non me podiades prestar.