CARTA AOS FILIPENSES - Capítulo 3
Capítulo 3
ATAQUE AOS XUDAIZANTES
O ideal que propoñen fora o de Paulo
- 1Do resto, meus irmáns, estade alegres no Señor. Repetirvos o dito noutras ocasións, a min non me custa, e a vós dávos seguranza.
- 2 Ollo aos cans! Ollo aos obreiros de moita parola e pouco traballo! Ollo á falsa circuncisión!
- 3Porque a circuncisión verdadeira, esa sómola nós, que, impulsados polo Espírito, damos culto a Deus e poñemos a nosa gloria en Cristo Xesús, sen confiarmos en criterios externos.
- 4Aínda que, por confiar, eu tiña en que confiar, incluso en criterios externos. Se alguén coida que el ten en que confiar conforme eses criterios, eu teño máis:
- 5circuncisión aos oito días; do pobo de Israel; da tribo de Benxamín, nacido e criado hebreo; en canto á Lei, fariseo;
- 6en canto a celo, perseguidor da Igrexa; en canto á xustiza que manda a Lei, home sen chata.
Pero renunciou a el
- 7Mais todo o que daquela era para min un proveito, estimeino, por causa de Cristo, unha perda.
- 8Máis aínda, todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ao lixo, con tal de gañar a Cristo
- 9e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe como resposta á fe.
- 10Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte,
- 11para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos.
- 12Non é que eu xa chegase á meta nin que xa chegase á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús.
- 13Irmáns, eu non boto de conta que a alcanzara. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ao que está diante,
- 14bulo para pillar o premio ao que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.
- 15Todos os perfectos, polo tanto, pensamos así. E se nalgún punto pensades doutro xeito, Deus hávolo esclarecer.
- 16Fóra disto, a onde queira que chegásemos, sigamos na mesma liña.
Seguir o exemplo de Paulo
- 17Irmáns, seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós.
- 18É que moitos __dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar__ pórtanse como inimigos da cruz de Cristo.
- 19Esa xente vai acabar na perdición: o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais.
- 20Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor.
- 21El ha transformar o noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo.