CARTA AOS FILIPENSES - Capítulo 4
Capítulo 4
- 1Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!
CONSELLOS
Levarse ben
- 2Recoméndolles a Evodia e mais a Síntique que se entendan, como cristiás que son.
- 3E tamén a ti, meu leal compañeiro de traballo, pídoche que lles botes unha man: que elas loitaron canda min polo Evanxeo xunto con Cremenzo e outros colaboradores meus que teñen o seu nome no Libro da Vida.
Estar alegres
- 4Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres.
- 5Que todo o mundo vexa o bos que sodes. O Señor está a chegar.
- 6Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.
- 7E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
Solidarizarse con todo o bo
- 8Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa nobre, todo o que sexa xusto, todo o que sexa limpo, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar.
- 9O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz irá convosco.
Agradecemento
- 10Moito me alegrei no Señor de que por fin abrollase o voso interese por min. Ter xa o tiñades, pero non tiñades a ocasión de o manifestar.
- 11Non volo digo pola miña pobreza, que eu aprendín a gobernarme nas situacións en que estea.
- 12Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado para estar farto e para pasar fame; para ter abondo e para non ter nada.
- 13Teño forzas para todo, grazas a quen me fai forte.
- 14Mesmo así, fixestes ben en tomardes como vosa a miña dificultade.
- 15Vós, os de Filipos, sabedes tamén que desde que saín de Macedonia, no comezo da evanxelización, ningunha Igrexa tivo comigo nada que anotar no libro de ingresos e gastos, fóra de vós: os únicos.
- 16Porque xa a Tesalónica me mandarades máis dunha vez algo para as miñas necesidades.
- 17Non é que eu ande á pedicha do agasallo: procuro só que os intereses se acugulen na vosa conta.
- 18Acuso recibo de todo e teño de abondo. Quedei ben provisto ao recibir de Epafrodito o que viña de vosa parte, agradable recendo, sacrificio aceptable e que lle prace a Deus.
- 19O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa riqueza con magnificencia en Cristo Xesús.
- 20Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.
Lembranzas e remate
- 21Moitos saúdos a todos os crentes en Cristo Xesús. Recordos dos irmáns que están comigo.
- 22Mándanvos un saúdo todos os consagrados e, en especial, os que están ao servizo do César.
- 23A graza do Señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.